Informe #1 – Curtas na TVG

VALORACIÓN DA CONVOCATORIA DE PETICIÓN DE CURTAMETRAXES POR PARTE DA CRTVG SEN REMUNERACIÓN ECONÓMICA

EXPOSICIÓN

A TVG difundiu ao sector unha instancia onde fai un chamamento a responsables de produtos audiovisuais, concretamente curtametraxes, para a súa reprodución e difusión na canle autonómica.

A petición de curtametraxes se fixo coa idea de emitilas no programa Zigzag – Eirado.

O compromiso co autor é que este cede os dereitos de emisión do seu traballo sen remuneración ningunha, xa que como di a instancia “será sen custe ningún por parte da TVG”.

O CONTRATO – Puntos clave

ver aquí

· 0 (cero) euros polos dereitos.
A Televisión de Galicia S.A. quere os dereitos de emisión das curtametraxes a custe cero para eles. Queren traballo gratis.

· Dereitos de reprodución para todo o mundo.
Ademais no contrato modelo de cesión de dereitos, indican que queren eses dereitos para todo o mundo.

· Poden utilizar calquera medio de emisión e de reprodución da curta.
Non soamente queren os dereitos para emitir na TVG2, se non que tamén queren os dereitos para emitilo por internet, por plataformas específicas, aplicacións para tabletas, ou móbiles.

· Un único pase
O programa Zigzag-Eirado ten un primeiro pase os sábados na TVG2 sobre a unha da mañá (01:00AM). O programa ten unha hora de duración, e os últimos dez minutos están adicados a unha curta cada programa.
Este mesmo programa repítese varias veces na mesma canle, o que incumpre o contrato de cesión dun pase soamente.
Ademais, deixan o programa completo na web da crtvg, o que fai que a curta quede aberta, sen limitacións de pases, e de reproducións.
Os pases poden ser ilimitados.

PROS

Apoio da TVG á visibilidade da produción cinematográfica galega e concretamente ás curtametraxes, un formato cinematográfico tradicionalmente marxinalizado.

CONTRAS

A sinerxia do sector coa TVG tórnase nunha única dirección xa que o ente público pretende dar a coñecer a produción cinematográfica galega sen contraprestacións económicas de ningún tipo.

A visibilidade da produción cinematográfica é algo que a TVG está recollido nos obxectivos dos seus estatutos.

Para estes cometidos, visibilizar a produción de curtametraxes, había un programa especial que se chamaba Onda Curta. Daquela adquiríanse os dereitos de emisión dunha curta pagando 100 euros minuto máis o IVE correspondente.

A CRTVG conta cun orzamento próximo aos 100 millóns de euros e a compra de curtas para un programa semanal de media hora como era “Onda Curta” supuña un máximo de 152 mil euros anuais, ou o que é o mesmo, un 0,152% do orzamento do ente público.

Así mesmo, a petición de curtametraxes para o programa Zigzag-Eirado contempla unicamente proxectos cunha duración inferior a 10 minutos, co cal se aplicásemos as mesmas tarifas que no seu día se aplicaron no programa “Onda Curta”, os custos deste slot ubicado no programa Zigzag-Eirado serían dun máximo de 52 mil euros anuais, ou o que é o mesmo, un 0,052% do orzamento total da CRTVG. Orzamento este que cremos máis que asumible para unha televisión pública.

Igualmente, a TVG solicita aos propietarios dos dereitos dos traballos, unha “copia máster en soporte profesional con calidade broadcast”, o que supón un gasto extra para os produtores das obras sen dereito a remuneración algunha.

Esta iniciativa inténtase comprender dentro do axuste de orzamentos da TVG, mais asinar este tipo de relacións contractuais considerase altamente lesivo para o sector.

SUXERENCIA

A comunicación desta iniciativa e a circulación desta instancia está sendo difundida polas institucións e algunhas asociacións do sector. Sería interesante que antes de apoiar estas iniciativas valorasen correctamente a súa incidencia e protexeran mellor os dereitos dos distintos axentes do sector. Porén, sería propicio que estas asociación buscasen novos modelos de colaboración co sector.

Tamén instamos á TVG a buscar novas maneiras de establecer apoios ao sector audiovisual de Galicia que reincidan alén da simple emisión do produto.

Gabamos a traxectoria e o apoio que está a facer un programa cultural como o Zigzag Diario e o Zigzag Eirado, a quen non responsabilizamos en ningún caso da situación conxuntural. Só rexeitamos por completo este tipo de prácticas.

Por último, aconsellamos ao creador que non se desprenda tan facilmente dos dereitos de emisión do seu produto audiovisual, máis que nada porque non conseguirá nada a cambio. Asemade, consideramos que todo aquel que regale o seu traballo estase a prexudicar a si mesmo e a todos os compañeiros do sector. Entregar de balde equivale a facilitar que o ente público deixe de investir.

QUE FAN OUTRAS TELEVISIÓNS PÚBLICAS

O apoio ao mundo da curtametraxe, e ao formato curto, o recoñecemento deste tipo de producións, é ben distinto noutras televisións públicas do estado.

— ETB

Coma canle pública, dun xeito transparente, saca cada ano as condicións de compra das curtametraxes, deixándoas accesibles na súa web. Unhas condicións o máis obxectivadas posibles. Ademais, cabe indicar que por norma a ETB merca os dereitos de emisión de tódalas producións subvencionadas polo goberno vasco e de tódalas producións vascas subvencionadas polo ICAA, algo que non acontece na TVG.

http://www.eitb.com/multimedia/documentos/2013/04/03/1085102/presentacion_cortometrajes.pdf

— TVE-La2

A segunda canle pública estatal, La2, apoia o mundo da curtametraxe en varios espazos.

Somoscortos – Programa semanal adicado exclusivamente ás curtametraxes dunha duración de 30 minutos. O prezo non depende da duración das curtas, se non que se paga un tanto alzado de 1200 euros.

Metropolis – Programa semanal sobre cultura e arte contemporáneo que adica unha parte ás creacións audiovisuais, entre elas, videocreacións e curtametraxes.

Alaska y Coronas – O programa de divulgación e entretemento adicaba cada semana unha sección a un cineasta, propoñéndolle facer unha curtametraxe de 5 minutos ex profeso para o espazo.

— TV3

Ten dous espazos de 30 minutos os sábados e os domingos ás 21:30 para curtametraxes no programa Curtcircuit 33, na canle de cultura e documental Canal 33.

http://www.tv3.cat/programa/52476/Curtcircuit-33

— Telemadrid

Participa dentro da “Semana del cortometraje de Madrid” adquirindo os dereitos de seis curtametraxes. Concede un primeiro premio de 6.000 euros e 5 de 4.000 euros.

http://www.madrid.org/semanadelcortometraje/cortos2014/premios.html

Outras canles coma TvCanaria, Canal Extremadura, Radio televisión Principado de Asturias, teñen os seus espazos periódicos en apoio á curtametraxe.

CONCLUSIÓNS

A todas luces a decisión de ter un slot para as curtametraxes galegas dun máximo de 10 minutos de duración ao remate do programa Zigzag-Eirado que se emite a 01:00 AM dos sábados a custe 0, fai pensar que máis que un apoio a unha parte do sector é unha maneira de encher e de completar programación.

A TVG ten a finalidade de apoiar e de desenvolver o cinema e o audiovisual dentro de Galicia.

O traballo gratis soamente precariza o sector.

Comparando e valorando a petición actual da TVG co anterior slot existente, “Onda Curta”, atopámonos con que as condicións de “Onda Curta” son máis vantaxosas, non só para os produtores das obras senón para a propia TVG, xa que nas condicións do contrato para o programa “Onda Curta” os produtores autorizaban á TVG a facer pases ilimitados das obras durante un período de 5 anos a cambio de 100€ por minuto (máis IVE). Isto permitía non só que existise un slot completo adicado á curtametraxe senón tamén a posibilidade de emitir eses traballos noutros espazos do ente coma o propio Zigzag-Eirado sen necesidade de ter que firmar un novo contrato.

Comparando as audiencias medias de ambos os dous espazos, atopámonos con que “Onda Curta”, que se emitía ás 00h na primeira canle da TVG, contaba cunha audiencia media que roldaba o 6% de share. Zigzag-Eirado, que se emite á 01:00h na TVG2, consegue unha audiencia media dun 0,2% de share, o que evidencia que os criterios de programación non só prexudican á visibilidade da produción galega de curtametraxes senón que prexudican igualmente á visibilidade dun programa de produción propia que consideramos necesario e que está a ser programado nunha franxa horaria residual.

Advertisements