Comunicado #1 – Comparecencia de Sánchez Izquierdo no Parlamento

Comunicado pola comparecencia de Alfonso Sánchez Izquierdo, Director Xeral da compañía CRTVG, no Parlamento galego o pasado 18 de decembro de 2014.

Comunicado #1

O Observatorio do Audiovisual Galego comunica que:

O pasado 25 de novembro, a partires do Informe #1 do Observatorio, adicado á emisión de curtametraxes de xeito gratuíto na Televisión de Galicia, o grupo parlamentario do BNG, a través das súas deputadas Ana Belén Pontón Mondelo e Montserrat Prado Cores, formulou unha serie de preguntas parlamentarias que foron presentadas no Rexistro Xeral do Parlamento de Galicia e que pasamos a relatar:

  • Considera o director da CRTVG que é lóxico que as persoas que realizan e producen curtas en Galiza teñan que facelo de maneira gratuíta?
  • Considera o director da CRTVG que esta maneira de proceder contribúe a profesionalizar e dimensionar o sector?
  • Non pensa o director da CRTVG que sería máis lóxico buscar outras vías de financiamento adicional que a de penalizar aos novos creadores e creadoras?
  • Non considera o director da CRTVG que sería máis lóxico recuperar iniciativas como Onda Curta e tratar con dignidade ao sector que optar pola precarización do sector?
  • Ten previsto a CRTVG rectificar esta decisión e tratar con xustiza as persoas que realizan e producen curtametraxes en Galiza?

Para responder a estas preguntas e a outras formuladas polos demais grupos parlamentarios compareceu no Parlamento galego, o pasado 18 de decembro de 2014, o Director Xeral da compañía CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo.

Despois de analizar a súa comparecencia vémonos na obriga de matizar algunhas das declaracións que se produciron en sede parlamentaria e que entendemos poden ser percepcións erróneas da realidade.

En primeiro lugar debemos dicir que lamentamos profundamente a crispación que puido causar no seo do ente público o Informe #1 do Observatorio. Crispación que deducimos do ton xeral que se mantivo durante a comparecencia e que en ningún caso quixemos provocar desde o Observatorio.

O Observatorio do Audiovisual Galego rexeita todo tipo de confrontación. Os nosos obxectivos son velar polas boas prácticas dentro do sector audiovisual (non do sector da curtametraxe, como se ten dito) e propoñer liñas de acción que poidan mellorar a situación xeral do sector en todo o seu conxunto e con toda a súa diversidade. En ningún caso, buscar o enfrontamento cunha compañía pública que representa o principal motor da produción audiovisual en Galicia, nin cos seus responsables.

Dito isto, e xa que se fixo referencia no Parlamento á falta de coñecemento sobre o Observatorio, comprometémonos a facer todo o que sexa preciso para poder reunirnos cos responsables da CRTVG, expoñerlles as nosas consideracións e facilitarlles toda a información da que dispoñemos se así o desexan. Comprometémonos tamén a escoitar, porque entendemos que parte da nosa labor é saber comprender as circunstancias e motivacións dos distintos axentes que interveñen no sector audiovisual para poder chegar a conclusións e a melloras.

De igual maneira, compre aclarar que antes da publicación do Informe #1 do Observatorio intentamos entregar sen éxito unha copia de dito informe na sede da TVG en San Marcos.

Unha vez manifestado o noso claro interese en establecer unha relación de colaboración coa CRTVG, sempre que sexa posible, consideramos oportuno aclarar certos puntos da intervención do Señor Sánchez Izquierdo no Parlamento Galego e que entendemos non se axustan con exactitude á realidade e que pasamos a enumerar:

1. O Señor Sánchez Izquierdo refírese ás curtametraxes como “Produto cultural de novos realizadores que en xeral fan as súas primeiras aproximacións en experiencias deste tipo.” Non nos cuestionaríamos esta afirmación se se tratase da liña artística ou editorial do programa Zigzag-Eirado pero falando de xeito “xeral” debemos puntualizar que a curtametraxe é un formato no que traballan desde directores recentemente saídos das escolas como autores consagrados e que non pode circunscribirse exclusivamente a “novos realizadores” polas características do propio formato. Por poñer un símil literario comprensible, ninguén etiquetaría a autores como Jack London ou Ánxel Fole, por poñer un exemplo galego, como “narradores novos” polo simple feito de cultivar a narrativa breve. Pois iso mesmo acontece cos e cas curtametraxistas.

2. Di tamén o Señor Sánchez Izquierdo: “Non se trata por tanto de traballos de profesionais do sector ou encargas de produto televisivo senón de poñer en coñecemento do público as iniciativas e propostas feitas nese formato para que sexan coñecidas polo público e mesmo dar a oportunidade ós seus autores de amosar as súas creacións. É dicir na práctica é facer o mesmo que se fai con calquera outra manifestación da creatividade artística galega en ese tipo de programas.”. O termo “profesional” evidentemente podería ser susceptible de grandes debates, en moitos casos de inclinación ideolóxica nos cales como Observatorio non podemos entrar. Sen embargo, existe un dato obxectivo que non se presta a debate ningún que é a simple alta na Seguridade Social e no epígrafe correspondente de actividades económicas. Cando un traballador do audiovisual está dado de alta nos epígrafes 861, 011, 019 ou 961 ese traballador pasa a ser profesional e a efectos da Axencia Tributaria non importa se a súa actividade é realizar curtametraxes, longametraxes ou series de televisión. Polo demais, falando da finalidade divulgativa do programa Zigzag-Eirado, no Observatorio louvamos a traxectoria dun programa destas características que cumpre á perfección a finalidade de informar e difundir a cultura galega e o cal consideramos un exemplo de servizo público. Agora ben, na afirmación do Señor Sánchez Izquierdo estase a mesturar a “Divulgación” con “Exhibición”, que son actividades radicalmente distintas. A divulgación cultural, que ten como finalidade informar e dar a coñecer autores e obras entre a poboación, realízase exclusivamente con fragmentos de obras, práctica habitual en moitos programas da TVG e da RG e polos cales ningún creador solicitou un pago e que nin sequera precisa da firma dun contrato. Cando unha obra se amosa na súa totalidade estamos a falar de “Exhibición” e por tanto debe ser remunerada. A maiores, debemos puntualizar que o feito de non pagar ós autores polo seu traballo non é o único problema. Debaixo deste aparece outro; a TVG cubre parte da súa grella de programación con produtos que non paga, que ata hai pouco eran 10 minutos semanais, pero que mañá poden ser 20. Asemade, compre sinalar que o acceso dunha televisión a contidos audiovisuais gratuítos provoca a medio prazo unha depreciación do produto audiovisual xa que o simple acceso a cubrir parte da grella de programación con contidos non pagados implica unha contracción da demanda. Ese non é un problema que incumba exclusivamente a xente que fai curtametraxes senón que afecta a todo un sector audiovisual encargado, entre outras cousas, de prover de contidos á TVG.

3. O Señor Sánchez Izquierdo prosegue a súa intervención dicindo: “Penso, por tanto, que está fora de contexto falar de profesionalizar ou non o sector, nin de aforrar gasto na TVG gracias a non pagar por difundir ó público unha serie de curtametraxes como tampouco o fan as xornadas ou festivais de curtas que se celebran en distintas vilas e cidades do noso país.”. Resulta bastante obvio que se non se trata de “aforrar gasto na TVG gracias a non pagar”. A solución máis doada é pagar os dereitos de emisión das curtas e non ter que comparecer no Parlamento explicando as razóns polas cales non se paga. Á marxe disto, no Observatorio somos amigos do rigor e por tanto temos como norma non mesturar conceptos nas nosas exposicións e por iso cremos necesario diferenciar termos como “xornadas”, “festivais” e “programas de televisión”. En primeiro lugar, “Xornadas” é un termo bastante abstracto que habitualmente se aplica en eventos con fins didácticos, aínda que non exclusivamente, motivo polo cal resulta especialmente complexo referirnos a este termo en concreto sen ter claro a que se refería exactamente o Señor Sánchez Izquierdo. En canto ós Festivais de Curtametraxes, ou de Cine en xeral, cómpre sinalar que existen diferencias substanciais entre o que significa unha exhibición nun festival de cine e unha emisión en televisión. En primeiro lugar, un festival de cine é un evento concreto cunha duración limitada que se circunscribe a un territorio igualmente limitado e que conta cunha audiencia potencial equivalente ó número de butacas dispoñible na sala de exhibición. A función principal dun Festival de Cine é a de dar relevancia ás obras. Enténdese que un Festival de Cine recibe para cada edición un amplo número de obras e que existe un comité de selección que escolle as mellores en función dos criterios de dirección artística do propio evento. O percorrido dunha obra por distintos festivais implica, polo tanto, que unha obra foi seleccionada entre moitas outras por distintos programadores. Isto significa que entre tódalas obras existentes, algunhas son sinaladas pola súa calidade en comparación con outras. A relevancia adquirida por unha obra no seu paso por festivais é a que lle outorga a esa obra “valor” para a súa posterior explotación comercial. Os festivais (se son festivais e non mostras) contan ademais con seccións competitivas nas que se conceden premios que conteñen unha dotación económica (en moitos casos amplamente superior ó que significaría unha venta de dereitos de emisión á TVG). Despois do seu paso por festivais, onde unha obra se “revaloriza”, esa mesma obra comezaría a súa fase de explotación, na cal entrarían en xogo as distintas ventás de explotación para obras audiovisuais, entre elas as televisións. Evidentemente non tódolos Festivais de cine outorgan a mesma relevancia nin todos eles se caracterizan polas boas prácticas, algo que tamén sucede coas televisións, non todas se caracterizan polas súas boas prácticas. Así pois, non podemos comparar un evento que ten como razón de ser a posta en valor dun produto cun medio que se emprega para a explotación dese produto. Supoñemos que isto é obvio pero se tras esta exposición quixésemos seguir a comparar Festivais e Programas de Televisión, como se de dúas ventás de explotación se tratasen, atoparíamos que nos Festivais de cine para filmes que non se proxectan en seccións competitivas, tamén existe a figura do “fee”, unha cota que os festivais pagan ós produtores das obras en concepto de permiso por unha exhibición. Na actualidade os “fee” que se pagan por unha curtametraxe oscilan entre os 25€ e os 200€ (en Galicia ningún festival chega ós 200€, pero este arco dá unha idea do importante que é acadar relevancia cunha produción). Se temos en conta que o aforo medio dun auditorio en Galicia se atopa en torno ás 250 butacas, veríamos que cando un Festival paga un “fee” de 25€ por un pase dunha curtametraxe de 10 min, o que está a pagar é 0,1€ por espectador potencial. Se facemos ese mesmo cálculo empregando a taxación de dereitos de emisión do programa Onda Curta (100 € por minuto) e o número de espectadores potenciais da TVG (é dicir, todo o territorio galego) o resultado é que por ese mesmo concepto, unha emisión dunha curtametraxe de 10 minutos, o produtor da obra estaría percibindo 0,0003639€ por espectador potencial, o que evidencia que as condicións ofrecidas por un Festival de cine en termos económicos son claramente máis beneficiosas para os produtores das obras.

4. Dixo tamén o Señor Sánchez Izquierdo que “acabamos de emitir a primeira curta concibida para o mundo dixital”. No Observatorio descoñecemos o significado desta frase.

5. O Señor Sánchez Izquierdo tamén fixo referencia ó Rexistro de Presentación de Propostas de produtos audiovisuais á TVG como indicador de que “non existe un sector da curtametraxe”. Evidentemente non existe un sector da curtametraxe, o sector é o audiovisual. A produción de curtametraxes é unha actividade. Sen embargo, con respecto a este punto cómpre sinalar dúas cuestións fundamentais. A primeira é que non se están a facer convocatorias públicas de presentación de propostas de produtos audiovisuais aínda que exista un Rexistro para esa presentación. E en segundo lugar, non recibir propostas de curtametraxes no Rexistro da TVG non implica que as curtametraxes emitidas non deban pagarse. E hai que recordar igualmente que actualmente na TVG non existe ningún slot onde poidan emitirse produtos unitarios, o que provoca directamente que se reduza a produción dos mesmos. No ano 2007 realizáronse 66 curtametraxes, contando soamente as que acadaron unha axuda pública, e a inmensa maioría foron emitidas pola TVG.

6. Anteriormente o Señor Sánchez Izquierdo citou varios exemplos de series producidas pola TVG como “Serramoura”, “Casa Manola”, “Padre Casares” ou “Luci” para finalizar a súa intervención no Parlamento dicindo: “Se elevaramos a nosa análise ó sector da ficción coido que estamos actualmente nos niveis de actividade máis amplo en moitos anos e non moi lonxe do pleno emprego”. Certamente no Observatorio baseamos os nosos informes en datos e non en conxecturas, polo tanto, non estamos en condicións de afirmar se existe ou non un incremento da actividade, nin no nivel de investimento da TVG no sector audiovisual, se ó que se refire o Señor Sánchez Izquierdo con “elevar a análise” é a contemplar a actividade do sector no seu conxunto. En todo caso, tampouco existe relación algunha entre producir series (feito este que loxicamente louvamos) e non pagar os dereitos de emisión das curtametraxes. De todos os xeitos, no Observatorio entendemos que a partires do 2015, grazas á Lei de Transparencia que acaba de impulsar o goberno do Partido Popular, estaremos en disposición de analizar as cifras de investimento da TVG en produción allea, así como nos distintos produtos audiovisuais que se merquen ou se produzan. E en canto á proximidade do “pleno emprego”, o único indicador que coñecemos é a simple pertenza dos nosos socios a distintas asociacións de profesionais como AGA, AGAG, AGAPI, ATEGA ou CREA, onde non todos os socios están traballando. Calcular os índices de emprego no sector audiovisual é unha tarefa realmente complicada se temos en conta que unha importante porcentaxe deste sector son traballadores por conta propia que normalmente son contratados por obra e non todos se dan de baixa na seguridade social ó rematar os seus contratos. Por esta razón, nin sequera o número de afiliados á Seguridade Social é un indicador fiable para falar de ocupación. En todo caso se o Señor Sánchez Izquierdo conta con algún tipo de indicador para medir o grao de desemprego no sector audiovisual, agradeceríamos que o compartise, xa que sería unha grandísima noticia para o conxunto do sector.

Lamentamos ter que facer tantas puntualizacións cando a solución a este caso podería ser ben sinxela. Reduciríase simplemente a emitir curtametraxes remunerando os autores cuns dereitos de emisión asumibles para un ente público.
En todo caso, agradecemos a comparecencia no Parlamento de representantes públicos para falar do sector que nos afecta, e ó que adicamos o noso traballo.

Desde o Observatorio entendemos que a preocupación pola cultura galega en xeral e polo audiovisual en particular, debería ser unha tarefa de tódolos partidos políticos así como dos e das profesionais que integramos o sector. É por isto que, como parte dese compromiso co audiovisual, o Observatorio ofrécese a facilitar a información que manexamos, os nosos informes, e a poñer en común as nosas liñas de traballo con todo aquel grupo parlamentario que así o solicite con independencia de formar parte do goberno ou da oposición.

Entendemos que as políticas audiovisuais nos afectan a todos e todas de xeito transversal, e que é tarefa de todos ou todas erradicar as malas prácticas que poidan ter lugar dentro deste sector e velar por unha xestión produtiva e eficiente do investimento público, nun sector que en máis dunha ocasión foi denominado como “sector estratéxico” pero que en moi poucas ocasións foi tratado como tal.

Así mesmo convidamos a tódolos grupos políticos que se atopen interesados en establecer contacto connosco que nos escriban a agobservatorio@gmail.com e facilitaremos toda a información da que dispoñamos.

Todas e todos debemos traballar para que a política audiovisual non sexa motivo de conflito senón unha ferramenta útil para o fomento da nosa cultura e o fortalecemento do noso tecido produtivo.

 

VÍDEOS DA INTERVENCIÓN
– Preguntas de Ana Pontón

– Resposta de Sánchez Izquierdo

– Réplica de Ana Pontón á resposta de Sánchez Izquierdo

– Intervención final de Sánchez Izquierdo

Advertisements