Informe #2 – Axudas de Talento

Informe sobre as axudas de Talento convocadas pola AGADIC en 2014


Este informe foi presentado na primeira reunión do Observatorio co AGADIC, celebrada o 8 de xaneiro de 2015.

 

I. TEMPO

II. COMPARATIVA

III. CONTÍAS

IV. MODALIDADES

V. VARIABLES

VI. VALORACIÓN DE PROXECTOS

VII. PRAZOS

VIII. DOCUMENTACIÓN

IX. SINERXIAS

X. REDACCIÓN

XI. ESPÍRITO

XII. SUXERENCIAS

 

INTRODUCIÓN

O presente informe do Observatorio Audiovisual de Galicia intenta analizar a actual situación das Axudas de Talento. Os cambios realizados no 2014 crearon unha grande incerteza, e foron uns dos motivos principais, mais non os únicos, polos que o Observatorio comezou a súa andaina. O informe que segue é bastante exhaustivo e pormenorizado. Debido a este nivel de análise consideramos oportuno facer unha introdución con dez disposicións que sirva de síntese sobre a importancia destas axudas e a necesidade de garantir a súa conservación.

Primeira. Definición

Estas axudas reciben o sobrenome de “Talento” porque o seu obxectivo é que a través delas a administración axude á realización de proxectos audiovisuais que teñen como responsables a persoas físicas. É dicir que recaen directamente sobre os propios creadores. Son axudas que naceron có espírito de ampliar o espectro do cinema feito en Galicia, e apoiar outro tipo de producións máis persoais.

Segunda. Historia

Estas axudas cristalizaron en 2009 mais os seus antecedentes podemos buscalos en 2006 cando se deu a oportunidade de que persoas físicas puidesen presentarse ás axudas de produción audiovisual. No período que vai desde 2006 a 2008 as persoas físicas comportábanse como persoas xurídicas polo que tiñan que xustificar esas contías malia a dificultade de emitir facturas. Este panorama complicouse en 2008 cando comezou andar a Lei de Subvencións de Galicia que incorporou unha maior rixidez burocrática e dificultou aínda máis o proceso. Esta problemática prexudicou a moitos creadores que se mobilizaron para atopar solucións.

Terceira. Natureza

Despois de todas estas continxencias a administración deseñou as chamadas “Axudas de Talento”, unha sorte de bolsas de creación onde o beneficiario só ten como contrapartida o control por parte da administración da realización do proxecto subvencionado e a entrega dunha memoria final. Mais a súa peculiaridade esencial radicaba na procedencia das partidas económicas para estas axudas. A chave estaba en que as Subvencións á Produción proceden do Capítulo 7 (Subvencións) dos orzamentos da AGADIC, e as Axudas de Talento do Capítulo 4 (Gastos xerais). A efectividade desta proposta da administración estivo en aforrar en gastos funxibles para constituír unha partida que deviu esencial no desenvolvemento do cinema en Galicia nos últimos anos.

Cuarta. Modalidades

A vontade das “Axudas de Talento” foi sempre a de irradiar e diversificar a súa área de influencia. Grazas a súa desagregación en modalidades estas axudas beneficiaban á escrita de guión, a curtametraxes e a longametraxes.

Quinta. Evolución

As Axudas de Talento tiveron un devir moi tumultuoso xa que no período 2009 a 2014 sufriron constantes recortes na contía da convocatoria e, polo tanto, tamén minguou considerablemente o número de proxectos axudados. No ano 2012 chegaron a desaparecer totalmente. En 2013 só se axudou nas modalidades de guión e curtametraxes. (Para ver o que sucedeu en 2014 continuar lendo o informe).

Sexta. Convivencia

As Axudas de Talento estiveron englobadas dentro dunha política de axudas á produción do audiovisual en Galicia polo que estas sempre se tiveron que relacionar con outras convocatorias. Mais convén manter a súa natureza e non entrar en confusión con outras liñas de apoio á produción destinadas a persoas xurídicas. É esencial para o equilibrio que as empresas non se presenten a Talento. Se se quere experimentar con novas liñas o ideal sería crear unha convocatoria específica onde unha produtora poida acceder, por exemplo, a unha subvención para curtametraxes en paralelo á existencia das Axudas de Talento. Tal como sucede na convocatoria de 2014, incluír longametraxes con empresa nas subvencións de Talento é un contrasentido.

Sétima. Rendibilidade

Por outra parte, convén sinalar os espectaculares logros dos filmes apoiados coas “Axudas de Talento”, que ao longo dos anos superou con moito as expectativas depositadas nesta categoría. Unha rendibilidade distinta á do sector industrial. Os proxectos que se presentan nestas axudas teñen dende o seu punto de partida unha decidida vontade de experimentación, mais a súa rendibilidade está en que son uns excelentes produtos de visibilidade cultural xa que son filmes que transitan con moita facilidade polos máis importante circuítos de exhibición cinematográfica mundial, como se vén demostrando nos últimos anos. Unha presencia en festivais que tamén propicia recoñecemento en premios e valoración crítica que aumentaron, de maneira determinante, o prestixio da cinematografía galega por todo o mundo. Esta consideración de “difícil rendibilidade” é un termo que manexan as directrices culturais da UE. Desde Europa aconsellan apoiar decididamente este tipo de produción de marcado carácter artístico e cultural.

Oitava. Singularidade

As Axudas de Talento son únicas no estado español, e é moi difícil atopar axudas igual a nivel mundial. Por unha vez imos marcando o camiño. Este tipo de apoios directos aos creadores son recoñecidos por outras administracións, por festivais, programadores e críticos. A pouca cantidade de inversión, os froitos obtidos e a constante rexeneración do tecido de creadores, fan que o modelo das “Axudas de Talento” sexa envexado e outras administracións desexen implantalo no seu territorio. Non ten sentido que Galicia altere algo que ten un funcionamento de eficacia comprobada.

Novena. Distinción

Nas ultimas edicións das Axudas de Talento a convocatoria asumiu con certo risco a denominación de “Premios”. É necesario establecer diferencias con outras iniciativas de apoio á creación de novos creadores que se dan á obra finalizada. Na súa condición de “bolsas para a creación”, as axudas de talento serven de estímulo e se dan á materialización do proxecto. Mais non só iso, senón que así tamén se potencia o contexto creando inercias creadoras fóra das axudas gobernamentais.

Décima. Restitución

Desde este informe avogamos por defender a existencia das “Axudas de Talento” e intentar que o texto das convocatorias respecte o espírito orixinal das mesmas. Mais para que isto suceda é preciso deseñar e desenvolver unha política de axudas dunha maneira lóxica e coherente facendo unha boa distribución de recursos e non alterando o que a experiencia ditaminou como válido. Porén, non estamos pechados a incorporar innovacións sempre en cando estas supoñan un reforzo dos piares fundamentais nos que se fundamentan estas axudas.

Undécima. Valoración

Tralo exposto anteriormente, consideramos que as Axudas de Talento resultou ser o mellor investimento cultural que propiciou a Xunta de Galicia nos últimos anos.

 

 

A continuación farase unha análise pormenorizada do texto da convocatoria das Axudas de Talento 2014. O noso propósito foi localizar os puntos problemáticos que carrexan a súa redacción. A maiores o noso traballo consistiu en agrupar as deficiencias en puntos para facer, dunha maneira didáctica e pedagóxica, un diagnóstico máis certeiro.

 

I. TEMPO (axenda anual, preparación, publicación, resolución)

O grande problema que aínda non se solucionou na convocatoria de axudas é o de marcar os períodos axeitados para o desenvolvemento das mesmas, tanto a nivel administrativo como no eido cinematográfico.

Sería convinte, polo tanto, que as convocatorias de subvencións saísen publicadas a principios de ano, mais isto demóstrase imposible polos ritmos extremadamente demorados da administración. Dentro do curso anual vese imposible incluír as longametraxes xa que estas en moitos casos precisan como mínimo dun ano para a súa execución. Ante isto optouse por solucionalo cunha desagregación bianual. Tendo en conta que a AGADIC non é capaz de arranxar a temporalidade das axudas recorre á fórmula de que sexan persoas xurídicas (autónomos ou empresas) as que garantan o éxito do proceso, entrando en conflito directo ca propia formulación e obxectivos destas Axudas de Talento. Mais “guión” e “curtametraxe” para “persoas físicas” fican ancorados no problema.

Por outra banda, pásase por riba dun problema “menor” para a administración pero maiúsculo dende o punto de vista creativo. Períodos de resolución tan axustados coma os que se veñen dando nas recentes convocatorias obrigan a que todos os proxectos subvencionados se realicen sempre no mesmo período do ano, descartando por exclusión o tempo “ideal” para a filmación do proxecto, e considerando ademais que todos os proxectos son da mesma natureza cando non é así. Hai proxectos que dende a súa concepción precisan unha elaboración máis longa ou un desenvolvemento ao longo dun determinado período de tempo ca outros. Non esquezamos que a característica das Axudas de Talento é precisamente a de favorecer un tipo de proxecto que aposte por vías de “experimentación” e “escasa viabilidade comercial” e que na meirande parte dos casos, non se poderían por en marcha de non existir estas bolsas.

 

II. COMPARATIVA (respecto a outras anualidades)

Nesta convocatoria de 2014 o orzamento destinado para as Axudas de Talento é de 145.000€ o que supón un descenso do 72.48% dende a súa instauración no 2009, cando se chegaron aos 400.000€.

Se ben en termos económicos no 2014 houbo unha subida do 93% respecto a convocatoria do ano anterior, hai que racionalizar este dato positivo, xa que 2013 foi o ano con menor contía económica desde 2009.

Esta subida orzamentaria de 2014 ven dada pola inclusión da convocatoria de “Longametraxes dixitais” despois de dous anos sen ser convocada. Se non temos en conta eses 90.000€ destinados ás tres longametraxes dixitais, o resultado é que mentres no 2013 apoiáronse un total de 6 guións e 6 curtametraxes, neste 2014 apoiáronse unicamente 5 de cada, un proxecto menos por modalidade. Polo tanto, temos que concluír que a traxectoria de recortes continúa en ⅔ das modalidades.

Captura

 

III. CONTÍAS (cantidade, procedencia, distribución)

No seguinte cadro pódese ver a evolución das contías máximas por modalidade. Nel obsérvase unha dinámica de redución constante salvo na última convocatoria na que se produce un incremento na modalidade de Longametraxes co que se volve aos niveis primixenios. Curiosamente este aumento veu acompañado dunha limitación aos solicitantes nesa modalidade, podéndose presentar unicamente empresas, un feito que consideramos prexudicial para o espírito destas axudas.

Captura1

Dado este panorama de cifras, sorprende que na convocatoria de subvencións á produción 2014 na “Modalidade B.1: curtametraxes de animación, de autoría galega, que promovan o talento creativo e técnico galego, teñan vocación de difusión nacional e internacional e un alto potencial de se converter en longametraxes cinematográficas de animación. Entenderase por curtametraxe de animación aquela produción con duración inferior aos 30 minutos” se poida chegar a outorgar unha contía máxima de 100.000€; unha cifra que a todas luces é desproporcionada, e máis aínda en relación a inversión global realizada nas convocatoria de “Talento”.

Se se decide apostar pola produción de curtametraxes con produtora o máis axeitado sería crear unha nova liña de axudas como xa existiu en períodos anteriores. Daquela fíxose un sacrificio de constrición pola limitación de recursos, mais se agora hai unha maior asignación económica ás políticas de estímulo á producción, sería o momento oportuno de ir retomando liñas desbotadas no pasado.

 

IV. MODALIDADES (definición, formas fílmicas)

GUIÓN

Nesta última convocatoria de 2014, as axudas de guión inclúense por primeira vez os proxectos de animación en detrimento do documental, que queda orfo na convocatoria.

Poñendo 2009 como punto de partida, existen os seguintes cambios nas modalidades:

Captura2

CURTAMETRAXES

Nos últimos anos a AGADIC realizou un proceso de síntese nos textos das convocatorias. Fai uns anos na modalidade de curtametraxes había unha subdivisión: Dixitais e Experimentais. Un abano que permitía unha maior flexibilidade á hora de encaixar o proxecto e, polo tanto, un maior volume e diversidade dos proxectos apoiados. No 2013, e despois dun 2012 onde non se convocaron este tipo de axudas, decidiuse agrupar as curtametraxes nun só epígrafe. Respectando, iso si, a natureza destas axudas que é a de apoiar aos proxectos e obras experimentais:

  • Que propoñan unha ruptura cos códigos narrativos convencionais, é dicir, que vaian alén do tratamento formal das imaxes, dos virtuosismos da montaxe, dun uso do son innovador, dunha mestizaxe de xéneros ou da alteración máis ou menos radical da linealidade narrativa.
  • Que aposten polo proceso de rodaxe-gravación como método para atopar unha historia, para captar unha experiencia reveladora que tería sido imposible prever literariamente ou preparar dramaticamente, ou para crear un universo propio comunicable.
  • Que supoñan unha indagación subxectiva radical ou unha exploración de universos temáticos polos cales non se aventuran a miúdo as obras audiovisuais.

LONGAMETRAXES DIXITAIS

A modalidade de Longametraxes Dixitais mantivo a súa forma e características ao longo de todas as anualidades dende o 2009 (en 2012 e 2013 non se convocaron). Houbo cambios nas contías máximas destinadas a cada proxecto, como xa indicamos no Punto III deste mesmo informe.

Os cambios máis importantes, claves e que perverten a natureza destas axudas veñen nesta convocatoria de 2014:

  • Introducen, en contra da natureza e o xerme destas axudas, a necesidade de concorrer como autónomo ou cunha produtora.
  • Bianuais.
  • Considérase longametraxe unha obra superior aos 30 min. (ver o Punto X do presente informe).

 

V. VARIABLES (trabas, comisión)

Outra das cuestións máis candentes son as trabas ou requisitos que nesta convocatoria de 2014 se introducen aos solicitantes das axudas nas distintas modalidades.

Impídese presentarse a todos aqueles subvencionados no ano anterior e a todos aqueles con dúas longametraxes, unha peneira que curiosamente vai en contra do que di a convocatoria na Disposición Primeira, Punto 6, Apartado A, onde o proceso se ten que rexer por “Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación”.

Malia que se produce un caso manifesto de alteración da competencia e da imparcialidade, podemos facer o esforzo de asumila como lóxica interna da AGADIC para dar pulo a colectivos desfavorecidos. Porén estas premisas son máis estritas que as do propio ICAA. Nas axudas estatais favorécense as óperas primas máis non son excluíntes, xa que os non noveis poden encamiñar os seus proxectos sempre e cando estes sexan “de especial valor cinematográfico, cultural ou social”.

Estudando as trabas polo miúdo atopámonos que “poderán optar a estas subvencións referidas nas modalidades A e B todas as persoas físicas residentes, cando menos por un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, sempre que non realicen esta actividade de xeito profesional”. Este cambio respecto a anos anteriores debe corresponderse a criterios xurídicos. “Non poderán acceder ás subvencións aqueles solicitantes que obtivesen axudas de Agadic á promoción e ao desenvolvemento do talento audiovisual galego na convocatoria inmediatamente anterior a esta, na mesma modalidade”. A cuestión “profesional” enche todo isto de moitas incoherencias. Como se determina a “profesionalidade” dun candidato?

Namentres en guión “non poderán acceder á modalidade A (escrita individual de guión) aqueles solicitantes que figuren como guionistas de dúas ou máis longametraxes realizadas na data de publicación da presente convocatoria”. Deste xeito os guionistas que teñan máis de dúas longametraxes producidas poidan presentarse ou recibir unha axuda. Pode darse o caso (non moi forzado) que un guionista leve 3, 4 ou 5 axudas de guión e ningunha remate sendo producido. Pode seguir presentándose e recibindo axudas? E, pola contra, que sucede cos guionistas que xa teñen obra producida? Existe unha liña de axudas a que podan acollerse para desenvolver o seu traballo? Estas axudas a guión só existen dentro da convocatoria de Talento. Se a idea da AGADIC é que estas axudas sexan para “noveis” o lóxico sería que se puidese optar a outro tipo de axudas na convocatoria de produción.

Na modalidade de curtametraxe “non poderán acceder á modalidade B (realización de curtametraxes) aqueles solicitantes que figuren como directores de dúas ou máis curtametraxes ou dunha longametraxe subvencionadas pola AGADIC antes da data de publicación da presente convocatoria”. Existen moitos casos que poñen en evidencia o contrasentido desta prescrición. Un director galego pode ter varias curtametraxes feitas grazas á axuda doutras institucións estatais (como o ICAA), puido ter axudas de organismos desaparecidos en Galicia (como a Axencia Audiovisual Galega), pode ter unha longa producida no estranxeiro ou conseguir os maiores dos recoñecementos nos máis prestixiosos festivais do mundo, e con toda esta bagaxe, pódese presentar a estas axudas a curtametraxe da AGADIC?

Para finalizar cas longametraxes analizaremos as “subvencións a proxectos de longametraxes cinematográficas en versión orixinal galega, cunha duración superior a 30 minutos e que conten cun director novel (primeira ou segunda longametraxe). As subvencións terán unha contía de 30.000 euros”.

Impídese que un creador poida ter máis de dúas longametraxes dirixidas, e ademais non pode ter unha axuda no mesmo epígrafe o ano anterior. Mais agora, coa entrada das produtoras nas longametraxes dixitais, dase a paradoxa de que a produtora pode levar axuda cada ano, sen importar o número de veces.

Resultado: estas axudas, que naceron coa finalidade de darlle importancia ao creador e tentar contrarrestar o poder das produtoras, volven estar condicionadas polas empresas.

Parece claro que a AGADIC actual quere enfocar as Axudas de Talento aos noveis, mentres que o que habería que defender é o espírito distintivo que teñen estas axudas, que se acaba perdendo.

No 2009: “A Axencia Galega das Industrias Culturais -Agadic-, no exercicio das súas competencias de fomento do audiovisual galego, consciente da importancia de establecer liñas de apoio para facilitar a emerxencia do talento e a innovación audiovisual, proponse realizar un programa que aposte pola aparición de novos creadores audiovisuais en Galicia, así como a promoción de novas estéticas narrativas ou experimentais de decidido contido artístico e cultural, co propósito de contribuír á promoción da diversidade cultural e ao desenvolvemento de novas formas de expresión audiovisual dentro do noso país”. Dende o comezo a idea era promocionar novos talentos pero tamén, e isto é moi importante, ser o I+D+I do audiovisual. Ser refuxio de producións que teñen moi complicado o amparo das outras axudas.

A este respecto, pode haber mellores solucións. Por exemplo, o establecemento dun número mínimo a noveis tanto en guión, como en curtametraxes e longametraxes. Isto xa se fai noutras convocatorias doutras comunidades, como a de Euskadi cos guións. Podería valorarse a posibilidade da concorrencia mediante proxectos anónimos. Que quizás sería unha forma de igualar os proxectos, sen Cv’s, soamente valorando o proxecto en si. Facer experimentación nas axudas á produción: por exemplo que nestes proxectos decididamente artísticos as axudas puideran chegar até o 80% ou incluso o 100%, como avoga a UE.

Ou simplemente non poñer ningunha destas trabas, liberdade total, sen as limitacións detectadas nesta última convocatoria, e, por que non, aumentando a dotación económica: con máis cartos, máis proxectos subvencionados.

Respecto a comisión dise: “A comisión de valoración estará formada por expertos independentes e estará presidida polo director da AGADIC, ou persoa en quen delegue. Da comisión formarán parte catro vogais, un deles do cadro de persoal da AGADIC, e os outros tres profesionais de recoñecido prestixio nas diferentes áreas e funcións da industria audiovisual ou do ámbito da cultura, e actuará como secretaria unha persoa designada polo director da AGADIC, pertencente ao cadro de persoal da AGADIC con voz e sen voto”. Esta redacción pode facilitar a tentación de dirixismo político por parte da AGADIC indo contra a natureza transparente da convocatoria. Unha circunstancia sospeitosa que nunca se deu nas distintas edicións destas axudas.

 

VI. VALORACIÓN DOS PROXECTOS (baremos, puntuacións)

Este ano 2014 introducíronse uns criterios para a valoración dos proxectos moi perigosos, que chocan co espírito das axudas. Os criterios de valoración son similares aos da anterior convocatoria: contribución cultural, creatividade, etc., pero os maiores cambios están nos Cv`s, xa que agora comézanse a valorar os cursos.

En guión valórase a traxectoria en canto a traballos desenvolvidos no eido audiovisual: 1 punto por cada traballo cun máximo de 2 puntos. E tamén a formación específica en escritura de guión: 1 punto por cada curso acreditado cun máximo de 3 puntos.

Nas curtametraxes valorarase a traxectoria en canto a traballos desenvolvidos no eido audiovisual: 1 punto por cada traballo, cun máximo de 2 puntos. E tamén a formación específica en realización e dirección de obras audiovisuais: 1 punto por cada curso acreditado, cun máximo de 3 puntos.

Porén nas longametraxes cáese nunha incoherencia xa que deixa de valorarse o Cv do solicitante xa que só importa a produtora que o pida.

 

VII. PRAZOS (adiantos, anualidades, entregas)

A convocatoria deste ano publicouse en agosto e resolveuse a mediados de novembro e as obras rematadas tivéronse que entregar o 15 de decembro (un logro respecto ás edicións anteriores). De todos os xeitos este tempo segue a ser insuficiente se o que se pretende é acadar unha produción de calidade. A creación cinematográfica non é matemática e está suxeita a moitas continxencias que alteran a materialización da obra.

Captura3

As resolucións das convocatorias de cada ano comunícanse meses antes de que aparezan no DOG, por iso non podemos facer un estudo do tempo que transcorreu en anos anteriores entre a resolución e a entrega final. Así que, como referencia, escollemos este ano 2014 para entender o comprimido dos tempos:

Captura4

Un mes para realizar unha curtametraxe ou escribir un guión de longametraxe resulta un tempo a todas luces insuficiente.

Un avance a destacar deste ano é que o adianto económico ofertado para levar a cabo a produción suba ata o 80% da axuda fronte o 50% de anos anteriores. Este adianto é soamente para as modalidades A e B, guión e curtametraxes. Para a modalidade C, longametraxe, o adianto limítase aos 7.000 € máximos para a anualidade de 2014.

Mais na práctica os beneficiarios non poden contar con el antes de efectuar os traballos, xa que polos prazos tan comprimidos, normalmente ese adianto chega despois de entregar a xustificación final.

 

VIII. DOCUMENTACIÓN (técnica e administrativa)

Ao respecto do material a entregar no 2014, non se pode presentar a documentación en pendrive, DVD ou Cd-rom como si que se podía facer anos anteriores. Soamente se acepta a vía electrónica ou o papel (sen encadernar).

“A documentación complementaria presentarase electrónicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común”.

 

IX. SINERXIAS (outras axudas, sector, TVG…)

Atendendo á última convocatoria, albíscase unha clara intención de experimentar coas Axudas de Talento para consideralas como “trampolín” para a industria. Aínda que isto podería ter sentido en determinados aspectos (unha das virtudes das Axudas de Talento é a de dar cabida á xente nova e/ou que aínda non ten contacto co tecido industrial), se rexeitamos o feito diferenciado e a singularidade dos proxectos que se acollen a este tipo de axudas estaríamos negándolle o espazo a unha serie de producións que non teñen cabida nesa industria. Mentres, na liña de axuda de produción non hai ningún xesto para os creadores que transitaron pola axuda de talento.

Na realidade, poucos son os proxectos que dan o salto ás axudas de desenvolvemento ou ás axudas de produción. Unha falta de atención do sector que convén paliar con maiores incentivos no baremo nas axudas de produción, circunstancia que sería facilmente remediable.

Por outra parte toda a produción de talento segue sen ter acollida por parte da TVG. Con iniciativas como a que nos ocupou no Informe #1 do Observatorio, queremos sinalar que a TVG está sendo un axente que ten un relaxo excesivo nas súas funcións. Obras que viaxan por medio mundo, que percorren os mellores festivais de todo o planeta, que conseguen premios, éxitos de crítica e repercusión máis aló das nosas fronteiras, a inmensa maioría quedan orfas do apoio por parte da TVG.

 

X. REDACCIÓN (confusa, contradicións)

Como xa puidemos ver, existen moitos puntos controvertidos e confusos. Mais na redacción destaca un gran desatino: considerar longametraxe a todo filme que supere os 30 minutos indo en contra das taxonomías científicas e da propia definición da Ley del Cine de España.

 

XI. ESPÍRITO (trocos, limitacións)

O problema dos prazos aínda persiste e búscase para arranxalo o respaldo da industria en vez dunha mellor operatividade administrativa. Visto este contrasentido albíscase de que non todo pasa por cambiar os marcos senón por optimizar os marcos existentes.

A AGADIC optou por unha solución fácil, que é a de favorecer a entrada de produtoras nesta convocatoria, supeditando a autonomía do creador ao interese da empresa. Un ataque en toda regra á liña de flotación do espírito das Axudas de Talento. Con estas dinámicas mais propias das axudas de produción, a política audiovisual da Xunta fai unha regresión até o 2005. De proseguir con esta capacidade resolutiva, o actual goberno acabaría por clausurar definitivamente unha das plataformas de produción e difusión máis eficientes que deu a cultura galega nos últimos anos.

 

XII. SUXERENCIAS (solucións, alternativas)

Consideramos que a maioría dos cambios efectuados na convocatoria de talento deste 2014 van en contra da natureza das axudas, van en contra do creador, e finalmente, van en contra das obras.

Se, polo que semella, un dos obxectivos primordiais da AGADIC coa reformulación das Axudas ao Talento é o de evitar que estas recaian nos mesmos creadores ano tras ano, unha hipótese errónea, pero para a que, en todo caso, había mellores maneiras de proceder. Por exemplo poderíase incorporar unha sub-modalidade onde a metade dos proxectos subvencionados sexan para proxectos presentados por persoas que nunca recibiron unha axuda ou que nunca fixeron unha longametraxe. Porén, a fórmula adoptada fai que unha xeración de directores fique no limbo.

A realidade é que as produtoras establecidas moi poucas veces contan cos creadores saídos ao amparo das axudas de Talento, por máis que se mostrase a súa valía. Que solución pensou a AGADIC para non perder a estes creadores que aportaron bastantes cousas ao cinema galego nos últimos anos? Por que non se fai unha modalidade na convocatoria de produción onde os proxectos destes creadores poidan recibir unha subvención que supoña o 100% do orzamento como sinala o actual texto? Curiosamente este punto atoparía sintonía coas directrices europeas mais tamén daríase de fociños contra os impedimentos derivados da Lei de Subvencións de Galicia coma dado as partidas económicas da actual convocatoria aínda seguen procedendo do capítulo dos gastos xerais dos orzamentos da AGADIC.

Queda bastante que facer para eliminar as barreiras entre talento e produción, tratando de conservar a singularidade de cada convocatoria. Cremos que unha premisa fundamental é a de atopar pontes entre as dúas ribeiras para que as produtoras non desaproveiten o traballo que se apoia coas Axudas de Talento.

Guión

Creemos que hai que facer máis por que os proxectos que se apoian na categoría escritura de guión pasen a outras estadías: desenvolvemento, produción… Iniciativas como aumentar o baremo nas subvencións de produción se se presentan guións axudados nesta convocatoria; normalizar e favorecer ferramentas como pitchings ou, incluso, facer unha bolsa de proxectos como a que se deseñou en Cataluña nos anos 2009 e 2010.

É necesaria a inclusión de novo da axuda a guións de toda clase: documentais, ficcións, animacións…

Curtametraxe

Sendo a única axuda á realización de curtametraxes en Galicia a día de hoxe –hai anos, como xa indicamos, había unha convocatoria á realización de curtametraxes con produtora– a contía orzamentaria ten que aumentar, 5 curtametraxes de 6.000 € non son suficientes.

Eliminar, como en todas as modalidades, a restrición aos creadores que xa se lles concederon anteriormente unha destas axudas.

Hai que apoiar o bos proxectos en san competencia.

Longametraxe

Valoramos positivamente o feito de que se lle dea máis tempo para a realización das longametraxes de talento, e que este ano pasen a ser bianuais. Mais se a “peaxe” é introducir a figura de persoa xurídica ou empresa isto representa un paso atrás.

A solución, xa indicada anteriormente neste mesmo informe, é que as axudas a talento se convoquen a comezos de ano, para ter unha resolución antes do verán e así poder realizar a longametraxe con tempo antes de finalizar o ano.

Defendemos que esta liña de axudas está destinada para proxectos máis experimentais e arriscados e limitar a convocatoria persoas cunha ou dúas películas é poñerlle data de caducidade á experimentación. Xa que, con contadas excepcións, nas subvencións á Produción este tipo de proxectos máis persoais contan con pouco espazo debido a que os condicionantes económicos pesan moito á hora de conceder as axudas de produción.