En defensa da filmoteca de todos os galegos e galegas

bannercgai

 

O sector audiovisual de Galicia asistiu con preocupación no último lustro a continuadas retalladas no Centro Galego de Artes da Imaxe, filmoteca de referencia no Estado español. Ao labor de manter a salvo e difundir o noso patrimonio cinematográfico e fotográfico, sumáronse nos seus 25 anos de historia unha serie de ciclos, publicacións, restauracións e outras actividades que non deixaron de acumular apoios na nosa comunidade e alén dela.

É por iso que, cada vez que vemos unha baixada do orzamento anual para a institución, que leva caendo en picado dende o 2010, pasando duns 450.000 euros en 2009 aos arredor de 150.000 cos que contaron nos dous últimos exercicios; non podemos se non preocuparnos e indignarnos.

Estas retalladas trasladáronse en perdas importantísimas para o centro. Durante moito tempo, o CGAI organizou cursos de carácter formativo con profesionais españois e estranxeiros de probado prestixio, que duraban varios días e constituían un complemento fundamental á ensinanza de cinema nas universidades. A última vez que tivo lugar un curso destas características foi en 2010, cando o crítico catalán Àngel Quintana deu o seu Cine 2.0. Imaxe e realidade na era dixital. De aquí en diante, a pesar de contar coa presenza de moitos directores que veñen presentar os seus filmes e, ás veces, dan charlas dunha xornada, esta función formativa do CGAI minguou.

Nesta mesma liña de transmisión do coñecemento, o CGAI sempre apostou polas publicacións, que facía o propio centro cando se trataba de libros sobre materiais nos seus fondos, ou nas que colaboraba con festivais, outras filmotecas e institucións. A obra de cineastas galegos como Carlos Velo, Juan Orol ou Antonio Román pode estudarse hoxe grazas en boa parte ao labor da filmoteca. As coedicións abranguen un ámbito xeográfico aínda maior, con volumes sobre Claire Denis, Jem Cohen, David Lean ou Edward Yang. No terreo da fotografía, ilustres como Charles Thurston Thomas, Jean Dieuzaide ou Dionisio Tasende. Precisamente sobre este último o CGAI publicou en 2013 De homes… e mulleres. Dionisio Tasende. Fotografías 1955-1979. Última ocasión na que un libro saíu do forno da filmoteca. Hai tres anos.

Outra das cuestións importantes que cobre o CGAI é a restauración do patrimonio fílmico e fotográfico de Galicia. Restaurar películas é tan necesario como custoso. Así, dende a restauración de La casa de la Troya hai xa máis dunha década esta área ficou practicamente abandonada. Si se dixitalizan copias que entran nos fondos para recuperalas, preservalas e poder difundilas. Non falamos, porén, do mesmo traballo.

Máis a diario, moitos investigadores van á biblioteca consultar bibliografía, nun centro que conta cuns fondos especializados moi amplos, fundamentais para calquera que estude o cinema en Galicia. Dende xullo do pasado ano, a falta de persoal impide estritamente a consulta en sala, que depende da boa vontade dos traballadores do centro.

Ante todo isto, moi preocupante, o sector audiovisual asistiu con impasible resignación. Xa non máis.

As últimas noticias publicadas recentemente en prensa corroboran o rumor que moitos temiamos. A intención da Axencia Galega das Industrias Culturais é despedir a Antonio Ramos, un dos dous proxeccionistas do centro, de forma inminente.

A programación cinematográfica do CGAI é a parte máis visible e querida do centro. De martes a sábado, hai proxeccións de filmes fundamentais para a formación de calquera cinéfilo, que son a envexa de todos os afeccionados ao cinema en España. As proxeccións do CGAI son a xoia da coroa, a parte máis brillante e visible, de todo o labor encomiable que fai o centro. Con este despedimento, córrese o risco de que o número de proxeccións se vexa reducido. Cómpre dicir que, polas retalladas orzamentarias e de persoal que, de xeito progresivo, se foron impoñendo no centro, o volume de filmes programados xa se vira reducido á metade. E o que está claro, é que non se poderán atender as necesidades de cineastas galegos que van facer probas das súas películas sen rematar á sala, comprobar as copias antes de mandalas a festivais, a consulta de material de arquivo e outro tipo de probas e proxeccións que non transcenden ao público, pero que se levan a cabo na filmoteca a miúdo.

Todo isto, unido a que dende hai máis dun ano só hai unha persoa a cargo da programación, cando antes levaban esta área dous profesionais, fai que a carga de traballo dos profesionais do CGAI sexa cada vez maior. Isto xa se levou o seu servizo de comunicación específico por diante, agora centralizado na AGADIC, e todo apunta a que actividades escolares de formación dos cativos como CGAI Jr. poderían estar tamén en perigo.

Non podemos seguir impasibles ante esta situación. A dirección da AGADIC, responsable directa deste desmantelamento organizado da nosa filmoteca, debera dar explicacións de por que se está a seguir esta clara estratexia de acoso e derribo a un centro que, en principio, debera salvagardar e non esforzarse en destruír.

Pedímoslle amais abertamente á institución que recapacite sobre este último despedimento, á vista do exposto, e que decida manter o posto de traballo de Antonio Ramos. Sen el, perdemos todos. Non ao desmantelamento do CGAI.

bannercgai